martes, 22 de xuño de 2021

Fin de curso!!

Chegou o día!!!
Por fin o ansiado o último día de clase está aquí e para celebralo, rockeamos en galego.
Hoxe tivemos como convidados á BULE BULE BAND, que nos deleitaron coas súas versións de clásicos en galego💃💃
Velaquí as imaxes 👇 e boas vacacións a todo o alumnado das Mariñas!






luns, 21 de xuño de 2021

Pepo Suevos nas Mariñas!

Este curso foi moi especial para o Equipo de Normalización e Dinamización do IES As Mariñas. Este foi o curso dos 21 días co galego e +.

E para rematalo, decidimos facer unha actividade especial o día 21 de xuño 😉😉. Así foi como xurdiu a idea de agasallar cun monólogo á rapazada que participou na actividade.

O monologuista escollido foi o grande Pepo Suevos, un actor e cómico ferrolán que fixo escachar coa risa ao alumnado e ao profesorado que acudiu ao acto. Mil grazas por vires, Pepo!






martes, 1 de xuño de 2021

Concurso de creación literaria do Concello de Betanzos

O final de curso sempre é moi atarefado e por iso non vos contamos unha boísima nova que tiñamos garda.

As nosas alumnas ARRASARON no concurso de creación literaria que organiza o Concello de Betanzos con motivo das Letras Galegas.

Velaquí tedes ás nosas alumnas premiadas:

- Clara Blanco: 1º premio na categoría de Bacharelato

- Alba Vázquez: 1º premio na categoría de ESO

- Mariña Erias: 2º premio na categoría de ESO

Parabéns para elas e para todo o alumnado das Mariñas que participou, a nosa infiltrada no xurado (que as acompañou na entrega de premios) comentou que a calidade dos traballos era cada ano superior. 





venres, 21 de maio de 2021

Versos visuais

Seguindo coa interpretación plástica da poesía, o alumnado de EPVA de 4º da ESO traballou cos versos de Álvarez Torneiro e de Olga Novo.

Velaquí tedes o resultado dos seus traballos:








venres, 14 de maio de 2021

Versos debuxados

O noso alumnado de 1º de ESO estivo a traballar sobre os versos de Xela Arias.

Velaquí algúns dos deseños que fixeron cos versos que máis lles chamaron a atención:













xoves, 13 de maio de 2021

De ti e mailo mundo que apañes

Seguindo coa programación das Letras Galegas de Xela Arias, o noso alumnado de 4º de ESO asistiu á representación teatral De ti e mailo mundo que apañes, da man de Xarope Tulú.

Grazas por esta oportunidade de coñecermos a obra e a vida da nosa poeta!




mércores, 12 de maio de 2021

Letras Galegas 2021

Achégase o Día das Letras Galegas e todos os centros estamos a traballar a figura de Xela Arias e a súa obra.

Ofrecémosvos o primeiro dos traballos que estamos a elaborar nestes días sobre a nosa homenaxeada:




mércores, 5 de maio de 2021

Proxecto lingüístico de centro - Enquisas

Levamos uns días sen actualizar o blog, a pesar de que seguimos con actividades. Mais hai outra tarefa que nos ten moi ocupadas: a elaboración do Proxecto Lingüístico de Centro.

Para crear este documento necesitamos ter unha información detallada da situación da lingua no noso centro e, por iso, vos pedimos colaboración.

Só tedes que cubrir a enquisa que corresponde ao voso colectivo na ligazón correspondente.

Grazas de antemán pola colaboración! 💜💜


  • Enquisa para o alumnado: preme aquí.
  • Enquisa para as familias: preme aquí.
  • Enquisa para o profesorado: preme aquí

martes, 23 de marzo de 2021

Naviza girl

Por motivos técnicos, o 15 de marzo non puidemos realizar a actividade de clausura dos 21 días co galego e +.
Mais hoxe foi o día escollido.
Isa Risco puxo fin a esta aventura con Naviza Girl, a obra de teatro sobre a superheroína galega, rematando un precurso que nos permitiu comprobar os poderes do noso idioma.
Os poderes do galego foi o lema e cos superpoderes de Naviza Girl rematamos.
Mil grazas a Isa e a Rosaura pola súa presenza!








Enquisas de valoración

As ligazóns das enquisas tédelas na publicación da xornada 11 dos 21 Días co Galego e +.

http://blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais/2021/03/04/dia-11-ies-perdouro-entrada-ao-universo-literario-de-antia-yanez/

Se preferides ter as ligazóns por separado, tédelas aquí:

ALUMNADO

FAMILIAS

PERSOAL NON DOCENTE

PROFESORADO

 

ALUMNADO

Os códigos teñen que repartirse aleatoriamente de maneira que non se poida identificar quen cubriu a enquisa. O profesorado daravos o voso código.

FAMILIAS

Os responsables legais cobren a enquisa co mesmo código que o seu fillo e tantas veces como fillos teñan.

 PROFESORADO

Cobren a enquisa usando o código da súa materia.

luns, 15 de marzo de 2021

A palabra do día... LINGUA

Os 21 días co galego chegaron ao seu fin, mais tede presente que este proxecto se chama 21 días co galego e +

E ese nome débese a que queremos que o espírito que encheu o noso centro estes días non remate. Queremos seguir argallando actividades arredor do galego, queremos que vos divirtades en galego e queremos que a nosa lingua estea sempre nas vosas bocas.

Con este proxecto quixemos demostrarvos que en galego podedes achegarvos ás vosas tradicións e ao voso patrimonio, mais tamén que a nosa lingua nos enche de poder e nos fai modernos, porque é a nosa lingua a que nos define e a que nos fai ser quen somos.

Por iso, pedímosvos que alonguemos estes 21 días a moitos máis. 

Seguiremos publicando os vosos vídeos e todo aquilo que teña que ver coa nosa LINGUA.

E, como non podía ser doutra maneira, esa é a última palabra do día. Alba, Bruno e Lucía preséntannos a súa lingua.

 


domingo, 14 de marzo de 2021

O papel das mulleres na primeira Guerra Mundial

Para rematar a semana do 8M ofrecémosvos un marabilloso traballo sobre o papel das mulleres ao longo da primeira Guerra Mundial, que realizou o alumnado de 1º de Bacharelato coa axuda da súa profesora de Historia: Emilia Rodríguez.
Moitas grazas pola vosa achega aos 21 días co galego e +.




 

Efemérides. Tal día como hoxe... 14 de marzo.

Un 14 de marzo de 1971 falecía na cidade da Coruña Pedro Barrié de la Maza.

Julia e Eleonor descóbrennos quen foi este home nas efemérides de hoxe.



A palabra do día... orballo

O día amenceu gris e cae o orballo...
Semella que Silvia e Uxía estiveron ben acertadas ao escoller a súa palabra do día: orballo!
Estade atentos!



sábado, 13 de marzo de 2021

Daniel Lucas veu falarnos sobre o patrimonio indiano

Este venres recibimos outra das interesantes visitas que nos están a traer os 21 días co galego e +.

Nesta ocasión, Daniel Lucas Martínez, da Asociación de amigos do Pasatempo, veu falarnos da Horta de don Juan e do patrimonio que os irmáns García Naveira nos deixaron a todas as betanceiras e galegas.

Un auténtico pracer escoitalo. Mil grazas por vir!







Efemérides. Tal día como hoxe... 13 de marzo.

Como nos lembra Pablo Deive, un 13 de marzo de 1869 nacía na cidade da Coruña o filólogo Menéndez Pidal. Sobre el trata a efeméride de hoxe.

Imos con forza a poñerlle o ramo aos 21 días co galego e +!




A palabra do día... cómaro.

Quen non lembra andar a rolos polos cómaros mentres os maiores estaban nas leiras? 

Para os que non teñades lembranzas como esta, Iker e Santi explícanvos o que son os cómaros na nosa palabra do día 😜




xoves, 11 de marzo de 2021

Efemérides. Tal día como hoxe... 12 de marzo.


Hoxe temos vídeo de efemérides por duplicado.
E é que as pesoas de que Eva e Zaira falan nos seus vídeos ben o merecen, non en van son dous homes a quen a vila de Betanzos lles moito: Juan e Jesús García Naveira.
Observade os vídeos sobre estes mecenas betanceiros 👇👇

Ah! E non esquezades que na actividade dos 21 días co galego e + de hoxe teremos a visita da Asociación de amigos do Pasatempo para seguir falando dos irmáns García Naveira. 






A palabra do día... tirabeques.

Aínda non estamos no tempo dos tirabeques, mais comezan a darse...

Se non tedes nin idea do que son os tirabeques, escoitade a Sofía e a Rubén, que volo explican con moita claridade 👇👇



Dígocho eu! e Telexornal

Xa vos dixemos onte que estabamos a tope na prensa escrita e na radio. Pois seguindo nesa onda, hoxe tivemos unha visita moi especial no noso instituto.
Esther Estévez e Carlos Antón, do programa Dígocho eu! da TVG viñeron Ás Mariñas a contarnos como se fai o programa e a preparar un especial en que sairá o noso alumnado.
Ademais conectamos en directo co Bos días da Galega e saímos no Telexornal. Que máis se pode pedir?
Este 21 días co galego e + non nos dan máis que alegrías! 😆

Velaquí tedes a ligazón ao Telexornal: http://www.crtvg.es/informativos/o-equipo-do-digocho-eu-sorprenden-os-alumnos-do-ies-as-marinas-4864657

E algunhas imaxes: 





Fin de curso!!

Chegou o día!!! Por fin o ansiado o último día de clase está aquí e para celebralo, rockeamos en galego. Hoxe tivemos como convidados á BULE...