sábado, 31 de outubro de 2020

Vídeo homenaxe a Carvalho Calero


O curso pasado, o alumnado das Mariñas elaborou unha serie de vídeos que pretendían homenaxear a figura das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero.

Velaquí o vídeo que crearon algunhas das alumnas do noso centro recitando textos do autor. Agardamos que vos guste!




venres, 30 de outubro de 2020

NA LEMBRANZA SEMPRE, DON RICARDO - Por Dores Cao

Dores Cao non necesita presentación, leva anos fomando parte do claustro do IES As Mariñas e deixa unha fonda pegada en todos e todas os que a coñecemos.
No día do aniversario de Carvalho (con quen aparece na imaxe na Libraría Couceiro) dedícalle estas palabras:


Hoxe, 30 de outubro de 2020, meu caro amigo, cúmprense os 110 anos do seu nacemento, un guieiro para as galegas e galegos de ben: Ricardo Carvalho Calero. Unha mente precoz, brillante, comprometida sempre no servizo á nación, á súa lingua e cultura. Si, meu capitán, lémbroo tantas veces, saíndo da facultade onde tiña o seu despacho, xubilado da docencia oficial, máis exercéndoa con todas e con todos os que gozamos do privilexio de compartir algún tempo con vostede que camiñaba a paso tranquilo, sempre coa carteira na man. Si, estou a velo achegarse á libraria Couceiro, naquela esquina tan fermosa, agora nun magnífico edificio da praza Cervantes, e sempre ollándoo dende a fascinación de estar ante o MESTRE. Cando o traballo mo permitía, era un satélite escoitándoo embelesada e formulándolle unha e mil cuestións que  sempre obtiñan unha resposta concisa, mesmo se lle preguntaba por unha obra que non fora publicada, vostede lembrábaa perfectamente e eu fascinábame pola sua sabiduría e memoria infinita.
 
Meu admirado Carvalho Calero, lembro as súas palabras naquela librería, no andar superior, entre os libros antigos e usados presentando a súa derradeira novela, Scórpio, era o ano 87. Tamén lembro, logo da lectura, as conversas con vostede dos seus anos de universitario compostelán, a implicación no Seminario de Estudos Galegos, os paseos polar rúa do Vilar cos nosos guieros, con Castelao que lle falaba da concepción da peza teatral Os vellos non deben de namorarse, tantos anos antes da estrea en Bos Aires ou con Ramón Otero Pedraio, e con tantos. Don Ricardo, naquela libraría Couceiro pasei horas tan fermosas con vostede que non poido evitar a saudade, lembro como me escribía dedicatorias das súas obras ou me regalaba algunhas esgotadas e, xa daquela, me rondaba unha pregunta que segue en min: Como alguén pode facer tanto pola  súa terra? E a resposta é porque a amou sempre e mantivo a coherencia ata o último alento.
 
Coñecérmolo é valoralo ata o infinito e máis alá: formámonos coa súa monumental Historia da literatura galega contemporánea ou Libros e autores galegos e toda unha gama de estudos de lingua e literatura, de produción creativa na poesía, no teatro ou na narrativa. En fin, Galiza está e estará en débeda con vostede, querido don Ricardo, por iso como explicarnos que tivésemos que agardar tantos anos para homenaxealo coas Letras Galegas ou que a pandemia causara o aprazamento para o último día de outono ou que as restricións dificulten as homenaxes que merece porque vostede é imprescindíbel na nosa cultura e se foi o único que non puido ser homenaxeado no mes de maio porque estabamos confinados e nos fins de outubro estamos con peches perimetrais e restriccións así que debe ser tamén o primeiro que teña dous anos na merecida homenaxe:
 

LETRAS GALEGAS 2021 PARA R. CARVALHO CALERO!!!!


30 de outubro - Parabéns don Ricardo

 Hoxe, 30 de outubro de 2020, don Ricardo Carvalho Calero estaría de aniversario.

No día do seu 110 aniversario e no ano das súas Letras Galegas, queremos lembrarnos deste extaordinario home, profesor, escritor e ensaísta.


Ricardo Carvalho Calero, en la Praza da Quintana en Santiago.

mércores, 28 de outubro de 2020

Benvid@s tod@s ao blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES As Mariñas de Betanzos.

Esta será a nosa canle de comunicación con toda a comunidade educativa para amosarvos o noso traballo no centro.

Mil primaveras máis!!!


Fin de curso!!

Chegou o día!!! Por fin o ansiado o último día de clase está aquí e para celebralo, rockeamos en galego. Hoxe tivemos como convidados á BULE...